Sunday 12 de May de 2024

“Brión Solidario” pon en marcha a oitava campaña de recollida de alimentos polo Nadal


A colaboración da veciñanza, o tecido empresarial e as organizacións, unidas ás achegas periódicas do programa europeo de axuda alimentaria, permitiron atender as necesidades dunhas 100 familias

O Concello de Brión pon en marcha por oitavo ano consecutivo a campaña especial de Nadal de “Brión Solidario”, unha iniciativa que busca recoller alimentos para as familias máis vulnerables do municipio. Unha campaña que conta co inestimable apoio dos veciños e veciñas de Brión ao longo de todo o ano e que mesmo intensifica a súa colaboración coa chegada do Nadal.

As persoas e entidades interesadas en colaborar nesta campaña municipal de doazón de alimentos poden achegar produtos non perecedoiros e correctamente empaquetados. Dende os Servizos Sociais confirman que este ano precísanse especialmente azucre, produtos de Nadal, produtos de hixiene persoal e conservas; sendo tamén ben recibidos o aceite, o leite, a pasta, o arroz ou as galletas.

O alcalde, José Luís García, destaca que “dende que comezara en 2002, cada vez son máis as persoas, agrupacións, asociacións e empresas que colaboran nesta campaña non só doando alimentos, senón tamén organizando eventos para a recollida de doazóns ou realizando achegas en metálico. A todos e todas lles adiantamos dende xa o noso máis sincero agradecemento”.

As achegas poden entregarse dende hoxe e ata o remate do Nadal nos distintos departamentos municipais (Casa do Concello, Casa da Cultura, Centro Social Polivalente e Biblioteca Municipal) ou no supermercado Froiz de Montebalado. Por outra banda, os donativos en metálicos poderán entregarse na Tesourería Municipal do Concello ou ser ingresados na conta do Concello en Abanca de Montebalado, séndolles entregado en ambos casos o correspondente xustificante de ingreso.

Rede Brión Solidario

Segundo datos dos Servizos Sociais municipais, a colaboración da veciñanza, o tecido empresarial e as organizacións sociais, xunto coa achega periódica do programa europeo de axuda alimentaria, permitiron ata agora atender as necesidades alimentarias básicas dunhas 100 familias de Brión. Entre estas familias inclúense unidades familiares que están a chegar dende hai uns anos ao municipio procedentes de países en situación de crise económica e política, e que precisan tamén de apoio para cubrir outras necesidades básicas como abrigo, calzado, farmacia…

Unhas necesidades que dende os Servizos Sociais de Brión se están a cubrir en parte grazas á colaboración da Rede Brión Solidario, iniciativa nacida ao abeiro da Campaña de Recollida de Alimentos de Nadal pero que está operativa durante todo o ano. As persoas que desexan participar nesta Rede só teñen que inscribirse nos Servizos Sociais municipais e deixar un mail de contacto. A este e-mail enviaranse de xeito periódico mensaxes detalladas acerca das necesidades concretas detectadas, mencionando con exactitude que artigo se precisa e en que prazo é necesario cubrir esa necesidade.